Estiman que cada pontevedrés gastará unha media de 379 euros no Nadal
Por Redacción
Cada habitante da comarca de Pontevedra, segundo o estudo da Federación Provincial de Comercio, gastará unha media de 379,52 euros no próximo nadal, un 3% máis que o investimento realizado no ano 2018.
Esa media será mesmo superior na cidade, xa que na Boa Vila o gasto superará os 421 euros de media, alcanzando un gasto global de 34,6 millóns de euros.
A Federación Provincial de Comercio considera que, en toda a comarca, os pontevedreses gastarémonos uns 50,6 millóns de euros nas compras do Nadal.
O maior gasto, como é habitual nestas datas, destinarémolo aos agasallos e á alimentación, cun 39% e un 32% respectivamente de todo o noso investimento.
Entre os agasallos máis destacados estarán os artigos de electrónica, as bicicletas ou os patinetes eléctricos que, segundo a patronal do comercio en Pontevedra, son artigos que están en auxe nos últimos anos.
Pola súa banda, o consumo de alimentación centrarase en Noiteboa, Noitevella e a noite de Reis, ademais das tradicionais ceas e comidas de empresas que se celebran antes dos días centrais do nadal.
A enquisa da Federación Provincial de Comercio reflicte tamén que este ano os pontevedreses gastaremos menos nos tradicionais sorteos de Lotería, un 14% do total do gasto que imos realizar; e tamén nas celebracións de ano novo e Reis.