Carmela Silva pide a PP e Ciudadanos que permitan que se forme goberno no Estado para facer fronte ao paro
Por Anxo Lourido
O mes de novembro ofreceu malos datos do paro, con 537 desempregados máis na provincia. Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, sinalaba que segue sendo un dos graves problemas sociais, de carácter estrutural, e afirmou que haberá que tomar medidas.
Neste sentido, apuntou que adoptar medidas para o desenvolvemento sustentable como as que está a levar a cabo a Deputación tamén xeran emprego, segundo afirman os profesionais en materia económica.
A presidenta provincial indicaba que as cifras de novembro en canto a desemprego "non son bos datos" nin en canto á Seguridade Social nin en canto ao aumento do paro rexistrado respecto ao mes anterior e porque as mulleres sofren o desemprego de maneira particular, cun 58,8% de paro feminino.
Indicou, en cambio, que a taxa de cobertura é dun 62,4%. Unha porcentaxe que relacionou coa presenza dun goberno progresista no Estado, porque lembrou que cando gobernaba o Partido Popular a taxa de cobertura quedaba por debaixo do 55%.
Carmela Silva fixo un chamamento aos partidos constitucionalistas, en concreto ao Partido Popular e a Ciudadanos, porque "Vox non é constitucionalista", a que realicen un acto de responsabilidade e apoien e permitan un goberno canto antes. Necesitamos tomar medidas para facer fronte ao desemprego, lembrou a presidenta da institución, para afirmar que esa situación só é posible se hai un goberno que poida lexislar e que poida aprobar prespuestos.
Indicou que a responsabilidade se atopa no tellado de todas as agrupacións políticas e afirmaba que o Partido Socialista se puidese tomar a iniciativa non seguiría gobernando cun orzamento presentado por Cristóbal Montoro do PP, que "impide adoptar medidas serias para facilitar o crecemento económico e crear emprego". A presidenta terminou lembrando que non hai nada tan importante como o emprego para a sociedade porque permite autonomía ás persoas e contar con calidade de vida.