A promoción do programa Ben veñas, Maio! acada o premio Anuaria á mellor campaña de interese social
Por Redacción
A promoción realizada neste ano 2019 das actividades de Ben veñas, Maio! logrou o premio Anuaria 2019 á mellor campaña de interese social. A empresa pontevedresa Era Comunicación, encargada deste traballo, lograba este galardón de deseño pertencente aos premios que contan con máis apoios do sector no Estado e co respaldo das principais organizacións e centros de deseño.
O xurado dos Premios Anuaria atópase integrado por representantes das organizacións profesionais do sector para repartir galardóns, entre outras categorías, de packaging, identidade corporativa, publicidade, autopromoción ou ilustracións e logotipos.
Ben veñas, Maio! é o programa anual que desenvolve a concellería de Normalización Lingüística en colaboración cos equipos de normalización ( ENL) dos institutos do municipio coa intención de promover o uso da lingua galega entre a mocidade a través de actividades creativas e artísticas como teatro, narración, fotografía, vídeos musicais, poesía ou curtametraxes na que participa a comunidade estudantil.