Os bombeiros adían ao 22 de decembro a súa xornada solidaria de portas abertas
Por Redacción
Dende a Concellería de Benestar Social veñen de anunciar que por mor do temporal de vento e choiva, os Bombeiros de Pontevedra trasladarán a xornada solidaria de portas abertas prevista para este fin de semana ao domingo 22 de decembro.
O parque de bombeiros de Pontevedra organiza esta iniciativa en colaboración coas entidades Boa Vida Inclusión Activa e Rede Axuda; as institucións Guardia Civil e Protección Civil; a firma Automociones Catoira; e a Concellería de Benestar Social.
Todos aqueles cidadáns que desexen colaborar poderán achegarse ata o parque acompañados polos seus fillos para coñecer o traballo que desempeñan os profesionais da loita contra o fogo e, ao mesmo tempo, achegar produtos de primeira necesidade para as persoas que máis o precisan.
As instalacións permanecerán abertas ao público entre as 10.30 e as 14.30 horas e nesta ocasión a recollida está especialmente adicada á loita contra a pobreza infantil. Desta maneira, entre os produtos que se precisan inclúense alimentos de nutrición infantil, artigos de hixiene (cueiros T3, 4, 5), material escolar, prendas de roupa en bo estado e xoguetes novos ou en moi boas condicións.
Os efectos que se recollan serán distribuídos entre as familias máis necesitadas durante as festas de Nadal a través da Rede Axuda e de Boa Vida Inclusión Activa.