Máis de medio centenar de embarcacións participaron na procesión marítima do Carmen
Por Oskar Viéitez
Marín celebrou a súa procesión marítima con motivo da Festividade do Carmen, patroa dos mariñeiros, unha cita que pecha a semana grande das festas.
A procesión deste ano contou cunha importante participación, de máis de medio centenar de embarcacións, encabezadas polo remolcador Faro de Tambo que portou a imaxe da Virxe.
Os actos comezaron ás sete da tarde na igrexa de Marín, nunha misa cantada polas corais Lembranza, Thalassa e a Coral do Centro Social da Terceira Idade.
Ao finalizar o acto litúrxico a imaxe da Virxe partiu en procesión ata o peirao de Ceferino Nogueira, onde embarcaron os participantes.
Houbo tamén unha homenaxe a Juan Dopazo González, traballador do práctico do porto e empregado da empresa de remolcadores Amare Marín.