Unha actuación integral mellorará a seguridade no Camiño de Cividanes e ampliará a rede separativa da Rúa da Costa
Por Redacción
A Concellaría de Urbanismo informou da aprobación esta semana, por parte da Xunta de Goberno local, do proxecto de mellora do muro de sostemento do Camiño de Cividanes, unha actuación "de vital importancia", segundo o concelleiro Manuel Santos, debido ao mal estado de conservación da infraestrutura.
En concreto, o tramo no que se actuará é aquel que sostén a ramificación da Rúa da Costa sobre o citado camiño. A infraestrutura consta na actualidade dun forxado soportado por dous piares de formigón, que se atopan moi deteriorados, "polo que hai un risco de derrubamento", tal e como se pode ler na memoria da actuación.
"Trátase dunha obra que pretende mellorar a accesibilidade e a seguridade dos veciños da zona", apuntou Santos. Entre os factores que impulsaron o deterioro da estrutura actual destacan o paso do tempo, a humidade, a acumulación de vexetación, as inclemencias meteorolóxicas e o peso do tráfico rodado da Rúa da Costa.
A lonxitude do novo muro será de 25,59 metros e contará cunha altura entre 3,5 e 6,7 metros, dependendo do tramo. A súa creación virá acompañada dunha reposición do firme tanto en Cividanes como na Costa. Ademais, implantarase unha escaleira de estrutura metálica para a conexión peonil entre os dous niveis dos viarios, atendendo á normativa de accesibilidade, e deseñarase un itinerario peonil, con paso de cebra e sen obstáculos, no final do muro, protexido cunha varanda.
O prazo de execución destes traballos será de dous meses e o orzamento de licitación, con IVE incluído, será de 107.786 euros.
SANEAMENTO NA RÚA DA COSTA
A Xunta de Goberno local tamén deu luz verde á prolongación da rede de saneamento separativa na Rúa da Costa, aproveitando que se vai actuar en Cividanes.
En xaneiro do 2015, xa se levou a cabo o proxecto de renovación do saneamento e da pavimentación, cambiando a rede unitaria (que mistura as augas pluviais cas fecais) pola separativa.
Esta actuación rematou no empalme entre a rúa e o inicio do camiño de Agrovello. Con esta prolongación, cubrirase a zona que quedou sen rede separativa na execución do anterior proxecto e alcanzarase o desagüe de pluviais do CEP San Narciso. O obxectivo é "diminuír a carga de caudal que chega ata o colector da Rúa da Costa", versa a memoria, mellorando así substancialmente a xestión do saneamento desta zona, cumprindo ca normativa.
O prazo de execución neste caso tamén é de dous meses, cun presuposto total de 39.960 euros.