Poio achega 250.000 euros á formación e a mellora da empregabilidade
Por Redacción
'É por ti, é para ti' é o eslogan da programación impulsada polo Concello de Poio, a través da Concellería de Promoción Económica, co obxectivo de fomentar o emprego na vila e ofrecer pautas de formación e emprendemento, a través de diferentes iniciativas.
O groso destes contidos comezarán no vindeiro mes de marzo e prolongaranse ata o verán. Este é o caso, por exemplo, do Proxecto Senda 2020 'Facendo Camiño', que busca mellorar a empregabilidade partindo de técnicas de desenvolvemento persoal e cultura colaborativa.
Ademais, tamén se dará vida á segunda edición de #PoioImpulsa, a través do cal se quere implementar actuacións de fortalecemento e especialización, así como de visibilidade e promoción do comercio local.
O concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, foi o encargado de explicar os detalles destas iniciativas.
O edil socialista lembrou que este departamento xestiona preto de 250.000 euros anuais que se invisten en formación e na mellora da empregabilidade da veciñanza. Ademais, sinalou que "a maiores obtemos achegas doutras administracións provinciais, estatais e europeas, que permiten a ampliación dos servizos en xeral, para acadar unha óptima calidade de vida na vila a tres anos vista".
Agís fixo fincapé na importancia de continuar con esta aposta, toda vez que na actualidade en Poio "as cifras de desemprego que existen está aos niveis previos á crise económica e contamos con recursos naturais, turísticos e paisaxísticos de gran relevancia, o que se traduce nun importante potencial emprendedor".
Ademais do Proxecto Senda e o #PoioImpulsa, neste 2020 tamén se celebrará a terceira edición do evento 'A forza do local', a través do cal se promocionarán proxectos empresariais innovadores e se impulsarán obradoiros de xeración de oportunidades no municipio, así como debates e charlas nas que intervirán persoas vencelladas ao desenvolvemento local.
"Queremos que esta cita serva, en certo modo, para ‘Senda’ e #PoioImpulsa, de xeito que se poidan crear interaccións empresariais e laborais, que seren resultados positivos para o empoderamento de empresarios e persoas emprendedoras en Poio".
Na actualidade a Concellería de Promoción Económica xa puxo en marcha varios obradoiros de formación, como os de operario de almacén, limpeza hospitalaria ou turismo mariñeiro, sendo este último baremable para a obtención do Permex.
Ademais, ao igual que en 2019, haberá ciclos a demanda, se ben se lle outorgará un protagonismo especial ao certificado de profesionalidade de limpeza de superficies e mobiliario, auxiliares de comercio "e outras formacións transversais e específicas que teñen como obxectivo insertar no mercado laboral aos habitantes de Poio", salientou Gregorio Agís.
O departamento municipal traballa tamén conxuntamente coa Concellería de Persoal para solicitar axudas que faciliten a contratación temporal para socorrismo, Policía Local, operarios e servizos. En clave de recursos humáns, o Concello conta con unha técnica de emprego e desenvolvemento local no Consistorio e tres orientadores laborais no Centro de Formación da Reiboa.