A Policía Nacional desmantela un "narcopiso" en Vilagarcía
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional adscritos á Comisaría de Vilagarcía detiveron a un home de 40 anos de idade, veciño de Vilagarcía de Arousa como presunto autor dun delito contra a saúde pública.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría Provincial, unha vez máis, a colaboración cidadá resultou fundamental para lograr a detención desta persoa que desde hai varios meses estaba a ser investigada pola súa presunta relación coa venda de drogas polo miúdo nun piso desta cidade.
A detención no marco da "Operación Merlo", tivo lugar na madrugada do día 9 cando unha patrulla que se atopaba levando a cabo labores de prevención da seguridade cidadá advertiu a presenza dun vehículo na zona en actitude sospeitosa.
O condutor do vehículo fixo caso omiso ás indicacións iniciando a fuxida a gran velocidade por varias rúas da cidade, chegando a impactar contra o vehículo policial e con outros estacionados na zona.
Tras unha saída de vía os axentes lograron interceptar o vehículo e ao condutor que tras tentar a fuxida a pé foi reducido, detido e trasladado a dependencias policiais.
Os axentes policiais tras unha inspección ocular no interior do vehículo interviñeron un paquete prensado ao baleiro con 57 gramos de cocaína.
Por todo iso os investigadores solicitaron un mandamento de entrada e rexistro no domicilio do detido onde atoparon 317 euros en efectivo, substancia de corte e útiles para confeccionar as doses da droga, así como unha gran cantidade de efectos entre os que destacan varios televisores, diversas ferramentas: trades, radiais, bicicletas, patinetes eléctricos, etc. susceptibles de ser recibidos a cambio de droga e presuntamente procedentes de feitos delituosos como furtos ou roubos con forza.
De feito os axentes policiais tras levar a cabo labores de investigación entregaron xa aos seus lexítimos propietarios un televisor procedente dun roubo con forza, roupa de cama dun establecemento de hospedería procedente dun furto e unha bicicleta de montaña procedente dun furto.
O detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número tres de Vilagarcía.
PREOCUPACIÓN VECIÑAL
A preocupación xerada na zona, queda patente nas diferentes comunicacións, algunhas verbais, outras por escrito, que desde a veciñanza trasládanse a Comisaría e nas que dan conta da continua venda de drogas a toxicómanos da cidade.
A aparición de puntos de consumo nas inmediacións do punto de venda, convértense necesariamente en focos de infección e insalubridade, así como a sensación de inseguridade e medo padecida pola veciñanza con motivo da presenza deste tipo de actividades na zona.
SEGUNDO NARCOPISO
Desde a Comisaría provincial destacan que este "narcopiso", é o segundo desmantelado nos últimos meses por axentes da Policía Nacional de Vilagarcía.
O primeiro deles foi desarticulado a finais do mes de novembro do pasado ano, cando os axentes detiveron a dúas mulleres e un home que vendían drogas nun domicilio de Vilagarcía e saldouse coa incautación de 25 gramos de cocaína, 400 euros en moeda fraccionada, útiles para manexar e dosificar a droga.