Pontevedra expón a súa visión da mobilidade no congreso Move 2020 de Londres
Por Redacción
A Boa Vila estivo presente no Move 2020, unha das maiores feiras de mobilidade celebradas no mundo e que pretende promover a reflexión sobre a necesidade de impulsar cambios e innovar en materias como o tráfico, a mobilidade, as infraestruturas ou a enerxía a nivel global.
O concelleiro Alberto Oubiña foi o encargado de representar a Pontevedra neste foro cunha palestra en inglés que levaba por título Cidades máis limpas, menos tráfico: probando a peonalización de Pontevedra.
Nela abordou o modelo de cidade e expuxo os retos de futuro do concello: o transporte a demanda, a compostaxe e a xestión responsable do medio ambiente.
Aínda que nas intervencións do Move 2020 non están previstas preguntas aos conferenciantes, o concelleiro atendeu ao remate da súa intervención a varias persoas interesadas en Pontevedra e que amosaron, segundo o Concello, o seu interese en visitar a cidade.