Nova inxección de dous millóns de euros aos municipios a través do Plan Concellos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra destinará dous novos millóns de euros aos distintos municipios da provincia a través do Plan Concellos. En concreto, a Xunta de Goberno aprobou 722.675,61 euros de achegas na denominada Liña 2 de amortización, pagamento de débedas, gastos correntes e actividades e 1.248.031,89 euros na Liña 3 de Emprego.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que un total de 18 concellos serán beneficiarios da Liña 2, entre eles Barro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Poio, Portas e Vilagarcía de Arousa. Segundo Carmela Silva, a maioría de peticións dos concellos van estar dedicadas a actividades sociais.
Entre outros, Barro solicita 30.000 euros para a Festa do Viño, Cerdedo-Cotobade 23.000 para a Festa do Petote, a Transgalaica, os Campamentos e o Entroido.
A presidenta concluíu, á vista da relación, que o apoio da Administración provincial permite aos concellos celebrar "as súas grandes actividades culturais, sen ter que contar con tódolos recursos que poñemos á súa disposición dende outras áreas".
En canto á Liña 3 de emprego, nesta nova quenda haberá investimentos en 7 concellos da provincia, entre eles Barro, Poio e Sanxenxo. En total, estes concellos van contratar 116 traballadoras e traballadores municipais, entre os que se atopan operarios de parques e xardíns, administrativos, técnicos ou técnicas de turismo, animadores ou animadoras socioculturais.
Trátase, segundo lembrou Carmela Silva, de empregos que permiten atender a cidadanía en todos os eidos dos servizos dos concellos. A selección deste persoal faise, entre persoas desempregadas, a través do Servizo Público de Emprego e os contratos estenderanse ata o 31 de decembro deste ano 2020.