Poio reformará a rúa Costa de Abaixo e o Camiño de Covelo
Por Redacción
A Comisión de Urbanismo do Concello de Poio abordará na sesión deste martes dous proxectos para mellorar os firmes, así como varios servizos, de dous viais secundarios. Trátase da rúa Costa de Abaixo, en Combarro, e do Camiño de Covelo, na parroquia de Samieira.
O investimento total para executar estes traballos ascenderá a máis de 100.000 euros. Prevese que ambas actuacións sexan aprobadas este mes na Xunta de Goberno.
Con respecto ás obras a acometer en Covelo, os técnicos municipais e a Concellería de Obras, dirixida pola tenente de alcalde, Chelo Besada, constatan que este camiño, situado no lugar de Riodama, precisa dunha renovación do firme, así como da reposición de diferentes servizos.
Esta actuación contará cun orzamento que ascende a 40.726 euros. O Concello só terá que asumir o custe do IVE (algo máis de 7.000 euros), toda vez que a cantidade restante financiarase a través do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2020-2021, unha liña da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Con respecto á mellora da rúa Costa de Abaixo, o orzamento ascende a 61.194 euros. Estas obras costearanse ao 100% coa rebaixa efectuada no proxecto da mellora do campo de fútbol de A Seca, con cargo ao Plan Concellos de 2018.
A posta en marcha destes traballos, que contan cun prazo de execución de tres meses, ven dada pola necesidade de rehabilitar o pavimento, que se atopa moi desgastado polo tránsito de tráfico rodado e a erosión provocada pola auga.
Outra tarefa que se inclúe no informe técnico é o retranqueo dun poste de telecomunicacións existente, que será preciso trasladar á rúa Costa de Arriba.