Sae a licitación as obras da senda peonil de Parada
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de sacar o proceso de licitación para a contratación da construción da senda peonil na estrada provincial EP-0206 Ponte Caldelas-Parada-Xustáns cun orzamento de base de máis de 226.000 euros.
En liñas xerais mediante esta actuación mellorarase a seguridade viaria, reporase o firme da estrada, instalaranse luminarias e pasos de peóns sobreelevados así como redutores físicos de velocidade, así como colocaranse arquetas de rexistro, executaranse nova sinalización horizontal e vertical, melloraranse a drenaxe superficial da vía e colocaranse tubaxes para un futuro soterramento de liñas de telefonía e electricidade.
O obxectivo principal desta mellora é crear un área reservada para peóns na marxe dereita da estrada, que unirá as beirarrúas existentes na PO-532 co núcleo de Parada, garantindo a seguranza viaria e o tránsito peonil dende Ponte Caldelas ata as numerosas vivendas existentes en Parada. Nestes momentos este treito presenta unha carencia de mobilidade segura, debido á ausencia dunha zona reservada e acondicionada para peóns, e rexistra un elevado número de persoas que transitan a pé por ela, xa que se trata dunha vía que sirve de unión entre Ponte Caldelas e Parada.
Deste xeito, a través da actuación vaise dotar á estrada dunha zona de tránsito segura para os colectivos máis vulnerables así como delimitar a circulación do tráfico rodado e peonil. Así, executarase unha senda peonil cun ancho mínimo de 2,5 metros e na estrada instalaranse pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade de vehículos para asegurar o cumprimento da velocidade máxima permitida (30 quilómetros por hora en todo o tramo de Parada). Tamén se construirá un tramo de beirarrúa a distinto nivel da estrada para dar continuidade á que chega dende o núcleo de Ponte Caldelas.
Ademais vanse mellorar as instalacións como a iluminación no tramo interurbano e a drenaxe de pluviais en todo o ámbito de actuación.
Deste xeito, incrementaranse o número de puntos de luz existentes na actualidade, xa que a estrada conta unicamente con iluminación no núcleo de Parada, e instalaranse no tramo do primeiro quilómetro da estrada contemplando un punto de luz cada 50 metros aproximadamente. Tamén se mellorará a drenaxe de pluviais, cunha rede de evacuación e arquetas de rexistro, así como se colocarán tubaxes para un futuro soterramento da liña de telefonía no primeiro tramo da actuación e da liña de telefonía e electricidade dende o cruceiro ata o final de actuación.
A mellora da estrada provincial EP 0206 contempla o fresado e reposición de firme e o repintado da sinalización horizontal en todo o ámbito da actuación, así como a sinalización vertical en todo o tramo indicado.