Finaliza con éxito a reparación do depósito de abastecemento de Boavista
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, pasou revista este mércores ao depósito de abastecemento de Boavista. Trátase dunha infraestrutura que tivo que ser rehabilitada, despois de que en maio do ano pasado se viñese abaixo parte da cuberta das instalacións.
O investimento realizado para reparar estas instalacións, que xa funcionan de novo a pleno rendemento, tivo unha base de licitación de 36.110 euros, ao que debe engadirse o correspondente IVE. En total, o desembolso ascendeu a 43.693,10 euros, tal e como detallou o rexedor.
Precisamente, a Xunta de Goberno Local abordou a principios de marzo a certificación destas obras, que se prolongaron durante varios meses, debido á súa complexidade. Ademais, foi necesario elaborar un estudo previo para determinar as causas do derrube.
Tal e como consta no informe elaborado polo enxeñeiro municipal, a rotura produciuse "polo colapso do forxado dun dos dous vasos que compoñen o depósito regulador de abastecemento". Os técnicos achacan este feito "ao paso do tempo e á acción das inclemencias meteorolóxicas", sumado ao tipo de deseño realizado cando se construíu con "apoios en muros deficientes e composto por materiais cerámicos, sen recubrimentos axeitados".
Luciano Sobral e Gregorio Agís amosaron a súa satisfacción polo do desenvolvemento das obras e anunciaron que proximamente se realizarán tamén algunhas tarefas de mantemento na contorna do espazo onde se atopa a infraestrutura, así como o seu pintado.
O alcalde, ademais, lembrou que, a pesar da complexidade da obra, os veciños "en todo momento contaron co servizo de abastecemento". Neste sentido, Sobral explicou que "o que se fixo foi aumentar os bombeos desde a parte baixa da Caeira para garantir que os cidadáns continuasen contando con esta prestación".