Militares da UME desinfectan as rúas de Pontevedra e controlan as saídas dos cidadáns
Medio cento de militares e dezaseis vehículos. Así é o despregamento que fixo a Unidade Militar de Emerxencias (UME) para controlar o cumprimento do estado de alarma na cidade de Pontevedra.
O batallón, que se desprazou á cidade galega desde León, terá como tarefas principais a desinfección de lugares públicos e controlar o desprazamento de persoas nas rúas para cumprir a orde de confinamento da poboación civil nas súas casas.
Os labores de desinfección, que comezaron esta mesma tarde, céntranse especialmente en lugares de maior concentración de persoas como a estación de ferrocarril, a contorna dos centros de saúde e hospitais ou centros de distribución de alimentos.
Os militares da UME súmanse así ao despregamento en Vigo de militares da Brilat, que realizan controis xunto á Policía Nacional e a Policía Local.
Uns noventa efectivos da brigada, que está reforzada con persoal e medios especializados en NBQ (nuclear, bacteriolóxico e química), repartíronse polas rúas da cidade, polo porto e por puntos sensibles para a poboación.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, agradeceu todo este despregamento militar e pediu "comprensión" á poboación ante as "incomodidades" que xera unha situación "necesaria" para evitar que se propague a enfermidade.