Rouba, detéñeno, sóltano e volve roubar. Dúas veces nun día
Por Redacción
O mozo de 18 anos A.P.C, coñecido en ambientes policiais como 'O Ilustrísimo' e con abundantes antecedentes nos últimos meses, foi detido de novo. En dúas ocasións en tan só un día. En concreto, foi detido na tarde do luns por un roubo con forza e, tras ser posto en liberdade, volveu ser detido, xunto a unha segunda persoa, de madrugada por outro delito de roubo con forza.
A primeira detención produciuse sobre as 15.30 horas da tarde despois de que un veciño de Pontevedra chamase á Comisaría porque cando accedía ao garaxe sorprendeu dous mozos alleos á comunidade. Unha patrulla policial desprazouse ao lugar e comrobó que un dos rapaces estaba implicado nun roubo con forza cometido na facultade de Belas Artes o 16 de xullo.
Aquel día, a Policía Local observou varios mozos polas inmediacións da avenida de Uruguai en actitude sospeitosa manipulando algún tipo de obxecto. Cando se aproximaron ao lugar, os mozos desapareceran, pero subiron ao muro dun terreo e localizaron dous ordenadores cuxa característica máis salientable é que tiñan un adhesivo da universidade. Eran dous Mac.
Tras as investigacións levadas a cabo por axentes da Policía Nacional concluíuse que eses ordenadores se correspondían cos subtraídos na facultade de Belas Artes e cuxa subtracción foi denunciada polo decano. Finalmente, foron recuperados e devoltos ao centro.
Tras levar a cabo as xestións pertinentes para descubrir a identidade do presunto autor do roubo con forza os axentes lograron identificalo polo que dispuxeron a súa localización. Finalmente detivérono no citado garaxe, puxérono a disposición xudicial e o xuíz de Garda deixouno en liberdade.
Horas máis tarde, sobre as 04.45 horas da madrugada deste martes, un veciño da praza Marqués de Valterra, no barrio dos Praceres, chamou á Comisaría porque dúas persoas intentaban forzar a porta principal dun bar.
Ao lugar dirixíronse inmediatamente dúas patrullas da Policía Nacional, unha da Comisaría de Marín, que á súa chegada á zona observaron a porta de acceso ao bar co cristal fracturado, o interior revolto e o cristal da máquina comecartos roto.
Os axentes iniciaron unha batida pola zona para tratar de localizar os autores do roubo con forza que foron localizados nas inmediacións na avenida de Monteiro Ríos. Ao decatarse da presenza policial trataron de esconderse nunha quella, se ben foron interceptados e detidos polos axentes da Policía Nacional.
Os axentes interviñéronlles aos mozos 25 euros e varias bebidas que a propietaria do bar denunciou que lle subtraeran. Todos estes efectos foron devoltos á súa propietaria e os rapaces, os dous con antecedentes policiais, foron trasladados á Comisaría. Un deles era, de novo, A.P.C. e pasará a disposición de novo ao longo deste martes.
Relacionadas:
-
O ladrón que entra por unha porta do xulgado e sae pola outra
Por Natalia Puga |
-
Rouban 46 camisetas de deporte, foxen á carreira e intentan ocultarse da Policía nun piso abandonado
Por Natalia Puga |
-
O ladrón adolescente volve ao xulgado e queda libre por un furto e un roubo en dous coches
Por Natalia Puga |