As familias con falecidos durante a crise sanitaria recibirán un pésame personalizado do Concello
Por Redacción
O Concello de Pontevedra e concretamente a concellería delegada de cemiterios, que ostenta a nacionalista Carmen Fouces, deu instrucións para que se faga chegar as familias que perdan algún ser querido durante a crise sanitaria unha ofrenda floral e unha carta persoal do alcalde en nome da corporación. No escrito trasládanse as condolencias e o afecto do Concello neste contexto de soidade obrigada.
Fouces explicou que as sociedades "sempre precisaron compañía para despedir aos seus seres queridos e cando alguén falece é o momento de reunirnos para recibir o apoio dos demais". Dado que esta circunstancia é nestes momentos inviable "con este pésame especial o que pretendemos é contribuír a aliviar a dor da despedida".
As normas de prevención e seguridade consecuencia da pandemia obrigaron a modificar férreamente os hábitos sociais de velorios, enterros ou incineracións; de maneira que se restrinxiu ao máximo o número de persoas que poden acompañar aos defuntos.
Esta tesitura excepcional conleva que ademais de ter que asumir a perda da persoa, as familias pasen eses duros momentos sen a despedida pública habitual. Por este motivo, desde o Concello quérese estar á beira dos cidadáns para que sentan arroupados nestas situacións.
Relacionadas:
-
Pontevedra reabrirá este mércores os cemiterios municipais
Por Redacción |
-
O PP de Poio solicita a reapertura gradual e controlada do cemiterio municipal
Por Redacción |
-
"Deberiamos estar informados, pero non sobreinformados. Son noticias moi duras de manexar e iso alimenta o noso malestar"
Por Natalia Puga |
-
A Xunta cerra todos os locais públicos agás tendas de alimentación e farmacias e regula os funerais
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Falemos da morte
Por Marisa Ciordia |