Atopan a un indixente deambulando cun carro da compra e trasládano ao albergue da Xunqueira
Por Redacción
Unha patrulla do do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra atopouse este luns un indixente deambulando pola estrada N-550 ao seu paso pola cidade do Lérez e, cando os axentes lle preguntaron pola súa situación, coa que estaba a incumprir en estado de alarma, pediulles axuda para atopar un lugar no que pasar o obrigado confinamento.
Os feitos ocorreron sobre as 19.20 horas do luns con motivo dun control para a verificación do cumprimento das medidas adoptadas pola declaración do estado de alarma establecido pola Garda Civil no quilómetro 116,000 da N-550, nun dos accesos á cidade de Pontevedra.
A patrulla identificou a un peón que deambulaba pola zona arrastrando un carro de compra con diversos obxectos persoais e preguntoulle pola súa presenza no lugar e o motivo do seu desprazamento. O home xustificouse indicando que, polas súas circunstancias persoais, non tiña un lugar onde pasar o confinamento e, a continuación, solicitou a súa axuda.
Os agenes realizaron xestións con distintos organismos públicos para buscar un aloxamento a esta persoa. Trátase de home de 69 anos de idade natural de Salamanca que finalmente foi trasladado por voluntarios de Protección Civil ao albergue provisional instalado no multiusos da Xunqueira.