As estradas autonómicas de alta capacidade soportan un 74% menos de tráfico co estado de alarma
Por Redacción
A entrada en vigor do decreto de Estado de Alarma fixo descender drasticamente o volume de tráfico nas estradas da comarca.
Agora, cun estudo realizado nas vías de altas prestacións de titularidade autonómica, é posible saber aproximadamente de canto supón ese descenso de vehículos nas estradas. Trátase en concreto dunha análise de circulación entre o sábado 14 de marzo e o mércores 15 de abril en comparación co período equivalente de 2019.
O descenso máis acentuado protagonízano os vehículos lixeiros, que caeron de media un 77%, mentres que a redución de vehículos pesados é do 39%. Desta forma a intensidade media diaria rexistrada nestas estradas autonómicas foi de 2.724 coches, en comparación cos 10.617 rexistrados nas mesmas datas un ano atrás.
O estudo sinala que nas xornadas laborables deste intervalo caracterizado polo Estado de Alarma, a intensidade media diaria de tráfico consegue os 3.276 vehículos, fronte aos 11.055 rexistrados nos mesmos días de 2019, o que representa unha redución da circulación en días laborais do 70%.
A redución do tráfico foi aínda máis notable durante os días festivos, nos que a circulación diminuíu un 88%, sinala a Xunta de Galicia. Estes datos aproxímanse tamén aos experimentados nos fins de semanas, nas que a totalidade do tráfico decreceu un 84 %, correspondendo unha baixada do 85% aos vehículos lixeiros e do 52% aos pesados.
Segundo a análise por días da semana, o domingo cuantifica a maior baixada de circulación, cun 89% menos, e os luns acusan o menor descenso, cun 65%.