Marín empeza a trazar as medidas a tomar de cara á desescalada
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, presidiu este venres unha reunión presencial do Comité de Seguridade e Saúde realizada no Salón de Plenos do Concello cumprindo con todas as distancias de seguridade e as medidas de hixiene e prevención co obxectivo de deseñar as liñas estratéxicas a seguir para garantir que a volta á normalidade na vida municipal poida realizarse con todas as medidas de hixiene e prevención.
O comité avaliou como terán que ser as medidas de seguridade específicas para as áreas de atención ao público, así como aquelas que terán que cumprir de xeito individual os funcionarios. De cara ao inicio da actividade municipal habitual, será necesario, ademais, incorporar medidas de hixiene e seguridade naqueles espazos externos ás dependencias municipais, como a nave da Sacoa.
A alcaldesa explicou que o obxectivo é ir trazando todas estas cuestións para estar preparados de cara á reincorporación física ao traballo municipal cando sexa posible e as autoridades así o permitan.
O comité está conformado polos concelleiros delegados das áreas de Urbanismo e de Medio Ambiente, Manuel Santos e Marián Sanmartín, así como unha representación dos traballadores e outra da empresa de prevención, actuando como secretario o técnico de persoal.
O obxectivo principal do comité foi o de avaliar a situación actual respecto do Covid-19 no municipio, analizando como está cada un dos servizos municipais neste momento e empezar a configurar as medidas de seguridade que haberá que poñer en marcha unha vez que vaia volvendo á normalidade o funcionamento de todos os servizos municipais.
Os servizos públicos considerados esenciais levan traballando desde o comezo do estado de alarma por quendas e con flexibilidade horaria e hai un alto porcentaxe do persoal de oficinas que está a teletraballar.