Poio pechou o mes de xullo cunha ocupación media do 55%
Por Redacción
A Concellaría de Turismo do Concello de Poio informou sobre os visitantes recibidos nas oficinas de turismo municipais e a ocupación nos establecementos de aloxamento durante a segunda quincena de xullo.
No que respecta á ocupación da segunda quincena do mes de xullo nos establecementos do municipio de Poio rexistrouse unha ocupación real do 63%, cifra superior en 10 puntos ós datos acadados nas mesmas datas do pasado ano.
Os eventos gastronómicos e festivos que tiveron lugar no concello durante esta segunda quincena do mes de xullo axudaron a mellorar unha previsión que en principio non superaba o 50% según os datos facilitados polos hoteleiros.
O mes de xullo pecha cunha ocupación media do 55%, cifra positiva si a comparamos cos datos acadados no mesmo período do pasado ano , cunha ocupación que se quedou nun 45 % de media para o mes de xullo.
Para o mes de agosto como xa ven sendo habitual, os hoteleiros prefiren non facer previsións, xa que a tendencia de esperar o último momento para facer as reservas e as condicións climatolóxicas poden facer variar visiblemente a ocupación dos establecementos.
Respecto ós visitantes rexistrados nas oficinas de turismo municipais, nesta segunda quincena do mes de xullo acadouse a cifra de 2200 persoas, das que un 92 % corresponden a visitantes nacionais e un 8% a visitantes internacionais.
De entre os primeiros destacan os procedentes de Madrid (21,61%), Andalucía (14,85 %), Castela e León (13,02%) e País Vasco (8,52%).
En relación os visitantes internacionais destacaron nesta segunda quincena, os turistas procedentes de Francia , Holanda, Suiza e Irlanda.
Dende a apertura das oficinas municipais de turismo ata o de agora xa se levan rexistrados 4.000 visitantes que preferentemente buscan información dos atractivos turísticos do Concello de Poio e das Rías Baixas en xeral.