Pontevedra, autorizada por Sanidade a pasar á fase 1 da desescalada

Por Diego Espiño
A desescalada comezará, esta vez si, o vindeiro luns 11 de maio en Pontevedra, despois de que o Ministerio de Sanidade confirmase este venres que autoriza o paso da provincia á fase 1 do plan establecido polo Goberno.
A comisión de expertos encargada de avalar a petición das autonomías para a desescalada avalou a melloría nos datos de afectados por coronavirus a nivel provincial, nun día no que a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés reporta un único paciente ingresado, concretamente no hospital QuirónSalud Miguel Domínguez, e 141 casos activos, permanecendo Montecelo por primeira vez sen pacientes de Covid desde o inicio da pandemia.
En realidade toda Galicia avanzará de fase ao mesmo tempo, o que supoñerá unha maior flexibilidade no movemento dos cidadáns.
Entre outras medidas, mentres dure a fase 1 estarán autorizadas as reunións sociais de ata dez persoas, tanto no espazo público como en domicilios particulares, e permitiranse os desprazamentos sen saír da provincia.
Ademais poderán reabrir as terrazas de hostalería con limitacións de aforo e volveranse a permitir velorios, aínda que con certas restricións. Tamén poderán reabrir hoteis sen usar as zonas comúns.
O que se manteñen polo momento son as franxas horarias para pasear ou facer deporte, aínda que é posible que os horarios se modifiquen tal e como confirmou ao mediodía Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias.
Pontevedra afrontará polo menos dúas semanas con estas medidas. É o tempo mínimo establecido polo Goberno para avanzar de fase, neste caso á 2, un paso que se dará sempre que se cumpran os requisitos establecidos por Sanidade en relación á evolución de casos de coronavirus. Se non existe un repunte, esa fase 2 comezaría o 25 de maio con medidas como a apertura dos espazos interiores dos bares, os cinemas, teatros e visitas a monumentos ou salas de exposicións, entre outras.
No mellor dos casos a fase 3 comezaría o 8 de xuño, momento no que se flexibilizaría de maneira xeral a mobilidade.
O Boletín Oficial do Estado publicará este sábado a orde detallada das actividades que estarán permitidas durante a fase 1, segundo sinalou en rolda de prensa o ministro de Sanidade, Salvador Illa.
Relacionadas:
-
Así será a fase 2 da desescalada: apertura de cinemas e teatros, gozar das praias e ata celebración de vodas
Por Diego Espiño |
-
Vilagarcía autoriza os hostaleiros para ocupar máis espazo para ampliar o número de mesas das súas terrazas
Por Redacción |
-
Primeiro día de reapertura das terrazas: poucas abertas e cheas de xente
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Viaxar a segundas residencias será posible desde o luns se está na mesma provincia
Por Alejandro Espiño |
-
Vilagarcía terá un horario uniforme para todas as saídas na fase 1 e a Xunta lamenta as críticas do alcalde
Por Redacción |
-
Fase 1 de desescalada no deporte: apertura de ximnasios con cita previa e de instalacións deportivas ao aire libre
Por Diego Espiño |
-
Sanidade estuda se Pontevedra pasa á fase 1 da desescalada a partir do luns
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra na fase 0. As imaxes do comezo da desescalada
Por Diego Torrado & Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Feijóo "non avala" o plan de desescalada do Goberno e critica que se fixo "de costas" a Galicia
Por Natalia Puga |
-
Comercios, hoteis e bares con terraza abrirán o 11 de maio; restaurantes, a finais de mes
Por Alejandro Espiño |
-
Sánchez sitúa a "nova normalidade" a finais de xuño tras unha desescalada en catro fases
Por Alejandro Espiño |