Os comerciantes achegan as súas propostas ao Concello
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
Este martes tivo lugar unha nova reunión da Mesa de Comercio que a plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers celebrou de xeito telemático.
Xunto á concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, participaron neste encontro sectorial Andrés Martínez, de Óptica Martínez; Pilar González, de Mister Baby; Virginia Pozo, de Coosy; Minia Otero, de Minia Ferretería; Maite López, de Bess Two; María Diz, da Asociación de Comerciantes de Loureiro Crespo; Merce Zaldívar, de Las Merceditas de Iria; Elena Jara, de Mission Surf Shop, e Alberto Falcón, de Be Differential.
Na reunión abordáronse asuntos coma axilizar os trámites urbanísticos, incrementar as prazas de estacionamento disuasorio, bonificar nos aparcadoiros públicos as compras realizadas na cidade e desenvolver o comercio a través de redes sociais.
As propostas centrais desta reunión foron o deseño dunha plataforma para compras online (xa en marcha por parte do Concello), a elaboración dun selo de Comercio Seguro e a organización dun concurso de escaparatismo.
Yoya Blanco avanzou aos comerciantes a súa intención de levar cabo un proxecto que contempla a sinalización dos establecementos comerciais e a confección de guías con recomendacións sanitarias para usuarios e responsables dos negocios.