Falece Staffan Mörling, o "mozo sueco de Ons"
Por Redacción
Staffan Mörling chegou á Illa de Ons na década dos 60. A beleza da paisaxe e a atención dos veciños de Bueu cativoulle e desde entón mantivo o seu interese permanente pola cultura e o valor do patrimonio etnográfico de Ons.
Este xoves falecía e o Concello de Bueu lamenta a perda do coñecido como "o mozo sueco de Ons". Este investigador sempre mostrou interese polos temas históricos e cursou a súa carreira en Latín, Historia da arte e Antropoloxía na Universidade de Lund.
Durante a súa traxectoria como antropólogo encargouse de documentar as embarcacións tradicionais de Galicia no ano 1989, un tema que seguiu explorando no libro 'Lanchas e dornas'. Casado con Xosefa Otero, entre ambos aplicaron as teorías da nova etnoloxía, de orixe danesa, ao material antropolóxico recolleito por ambos na Illa. Posteriormente publicaban o libro ' Alá, no medio do mar. A comunidade da illa de Ons'.
O Concello de Bueu declarábao Fillo Adoptivo da vila no ano 2006 apreciando todo o traballo desenvolvido en relación coa cultura mariñeira. E en 2012, o nome de Staffan Mörling pasou a formar parte do rueiro de Bueu, na coñecida popularmente como a Rúa dous Institutos.
En 2015 rendíaselle unha homenaxe por parte do Concello de Bueu ao que asistía o propio Staffan Mörling acompañado de familiares e amizades e descubríase a placa da rúa. Nesas datas tamén publicaba o seu libro autobiográfico 'Namoreime en Ons'.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, sinalaba tras coñecer o seu falecemento que "as súas achegas como investigador do noso patrimonio etnográfico perdurará por sempre por poñer en valor con orgullo o noso patrimonio marítimo bueués xunto á propia forma de ser das xentes de Ons". E destaca que puxo o nome da Illa, de Bueu e de Galicia no mapa das máis prestixiosas publicacións científicas.