Unha guía para mellorar o ensino no Grove
Por Redacción
O Concello do Grove presentou O Grove Educa, unha guía que reúne todos os recursos municipais dispoñibles para o alumnado, os colexios de infantil, primaria e secundaria, e as asociacións de nais e pais. Nesta publicación aparecen dende programas de conciliación laboral e familiar, ata actividades extraescolares, talleres e obradoiros en colaboración cos centros, concursos e premios, ata recursos para fomentar o retorno educativo.
Este é o segundo ano no que se edita esta guía. Nesta ocasión, divídese en seis partes: O Grove concilia; actividades fóra do horario escolar; actividades para nais e pais; actividades en colaboración cos centros; concursos e premios escolares; e retorno educativo.
A guía revela tanto a ampla oferta municipal de actividades que presenta o Concello do Grove para o curso 2012-2013, como a ampla coordinación entre as diferentes concellerías. A guía xa se remitiu a todos os centros de infantil, primaria e secundaria da localidade, así como ás propias asociacións de nais e pais, e tamén está dispoñible na web do Concello do Grove para que calquera persoa poida consultala.