Arremete dúas veces co seu barco de recreo a unha dorna na ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio investiga a un veciño de Marín por unha arremetida entre barcos no mar.
Segundo informan fontes oficiais da Policía Local de Poio, o incidente produciuse o mércores 20 de maio en augas da ría de Pontevedra, concretamente entre o Porto de Campelo e a Illa de Tambo. Desde o Centro de atención ás emerxencias CAE 112 Galicia alertouse á Policía Local por un "choque entre barcos".
Segundo explicaron os axentes municipais, o tripulante dunha embarcación de recreo embestiu en dúas ocasións a unha dorna na que dúas persoas estaban a pescar chocos. A dorna sufriu danos e o causante da colisión fuxiu cara ao Porto de Marín.
Tras recibir a denuncia do prexudicado, a Policía Local logrou identificar o causante informándolle dos dereitos por un presunto delito de danos á embarcación e inxurias ao pescador veciño de Poio que reclama os danos sufridos na súa dorna.
O caso foi trasladado ao xulgado de garda.