Lamentan o desprezo do Concello e da Xunta ante o deterioro que presenta a ponte de Portugalete
Por Redacción
Indiferenza e desprezo, así cualifican os integrantes do colectivo Umia Vivo que defende o patrimonio da contorna do Umia a actitude que manteñen as administracións en relación ao estado da ponte de Portugalete.
Esta estrutura cruza o río Umia no lugar de Segade de Abaixo no municipio de Caldas de Reis. Segundo explican desde a asociación, trátase dunha estrutura sinxela pero que conforma un elemento singular en pedra que forma parte do patrimonio cultural do Concello.
Sinalan que esta ponte soportou durante moitos anos numerosas inundacións pero, apuntan, agora vese máis ameazado que nunca ante a falta de interese por parte do goberno local de Caldas de Reis e da Xunta de Galicia. As persoas que residen na contorna denunciaron que varios troncos caidos durante o inverno exercen presión sobre a estrutura sen que leve a cabo ningunha actuación para resolver este problema.
Umia Vivo denuncia que nos orzamentos municipais asinados polo PSOE e o BNG só se inclúe unha partida de 2.000 euros para todo o patrimonio municipal e os dous grupos políticos negáronse a aceptar a petición da asociación para destinar unha partida que resolvese a situación dos elementos patrimoniais que se atopan en malas condicións.
Indican tamén que desde o departamento de Medio Ambiente e desde Cultura transmitíronlles que descoñecían o problema que sofre esta ponte. Ante este descoñecemento, Umia Vivo trasladou a Augas de Galicia unha solicitude para que se retiren os troncos de maneira inmediata.
Sinalan que o abandono da zona tamén se detecta no desprendemento de muros dun muíño que se atopa na senda que enlaza esta ponte de Portugalete co lugar de Segade de Abaixo cortando o paso e a pista de acceso a varias casas.