Moraña manterá o asado da Festa do Carneiro ao Espeto pero a comida, en cada casa
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Concello de Moraña presentou este sábado o formato da 51ª Festa do Carneiro ao Espeto nun acto celebrado na Carballeira de Santa Lucía.
A novidade chega na confirmación de que se manterá o asado popular ao aire libre o domingo 26 de xullo, pero a comida e degustación trasladaranse ás casas dos veciños por seguridade sanitaria.
"Na fase de nova normalidade non podemos facer as mesmas cousas que antes, pero si que podemos facer cousas e por iso, con moita prudencia e responsabilidade, imos organizar unha Festa do Carneiro ao Espeto segura, que axudará a manter os nosos costumes e favorecerá a reactivación económica e social", sinalou a alcaldesa, Luisa Piñeiro, sobre a decisión.
"Imos tentar facer o xantar máis grande da historia da festa con 4.200 comensais, tantos como veciños, espallados por todos os fogares do concello", engadiu a rexedora.
Falta aínda decidir se o asado dos carneiros realizarase na Carballeira, como de costume, ou se se traslada á chaira do Multiusos para garantir a distancia recomendable.
O que está previsto, segundo explicaron na presentación, é que os comensais se acheguen ata a zona co seu vehículo a través dun carril seguro para levar o seu xantar para casa.
Os lotes, que sairán á venda nos próximos días, manterán o seu prezo habitual de 300 euros para 20 persoas, pero nesta ocasión especial tamén haberá a opción de comprar medio lote, que será de 150 euros para 10 persoas.