Sanxenxo controlará os accesos ás zonas de ocio nocturno con policías e drons para evitar aglomeracións
Por Redacción
Sanxenxo segue a dar pasos para prepararse para un verán diferente e esixente en todos os aspectos e, nese camiño, este martes celebrouse unha Xunta Local de Seguridade de forma telemática que se centrou na coordinación de todas as medidas necesarias que garantan unha tempada de verán segura a nivel social e sanitario. Ao termo da mesma, o Concello de Sanxenxo deu a coñecer que poñerá en marcha este verán un control de acceso á movida de ocio nocturno na zona portuaria e en Portonovo para evitar aglomeracións e velar polas medidas de seguridade sanitaria.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, presidiron a a Xunta Local de Seguridade e lembraron que durante estes meses de verán Sanxenxo convértese na terceira cidade galega en canto ao aumento de poboación local.
Para a coordinación de todos estes aspectos tamén estiveron presentes o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, e mandos da Policía Local, así como o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro.
Telmo Martín informou os presentes da medida de control de aforos que se aplicará durante as noites de verán na zona portuaria e en Portonovo. Realizarase tendo en cuenta os aforos dos distintos establecementos de lecer nocturno, 2.200 persoas en situación normal, e as limitacións que marca a actual alerta sanitaria.
Ademais de vixiar o acceso por terra, empregaranse drons que estarán conectados ao sistema da Policía Local para ter en todo momento unha imaxe da situación do recinto.
Sanxenxo tamén anunciou que ten previsto este verán incrementar con dez auxiliares máis que o ano pasado o reforzo da Policía Local tendo en cuenta a situación especial deste verán. Serán 43 auxiliares os que se incorporen ao persoal habitual.
Ademais, segundo deu a coñecer o Concello, a Garda Civil contará este verán cun dotación de persoal "dimensionada" e adaptada á situación excepcional que se está vivindo.
En canto ás medidas de tráfico para garantir a fluidez, está previsto estudar alternativas de acceso ao municipio nalgúns puntos e acordouse inhabilitar durante xullo e agosto o semáforo de As Salinas.
A subdelegada do Goberno garantiu a máxima colaboración dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para que se desenvolva con total seguridade esta nova campaña estival, tan importante para toda a provincia e reclamou a "máxima pedagoxía coa cidadanía" no uso dos espazos públicos e cos propietarios dos establecementos hostaleiros, quen teñen que avalar a aplicación dos criterios de seguridade en terrazas e servizos interiores para previr rebrotes.
Telmo Martín quixo manifestar que Sanxenxo sempre foi un lugar de acollida para todos aqueles que queren vir pasar as súas vacacións e que sempre son benvidos, unha actitude que debe servir para combater certas fobias cara á chegada de residentes doutras comunidades como a madrileña.
Maica Larriba coincide co alcalde en que "especialmente este ano" é importante dar unha imaxe de destino seguro para todos, de forma que Sanxenxo "siga sendo o lugar tranquilo e perfecto para gozar dunha estancia extraordinaria tal e como quedou sempre demostrado en toda a nosa provincia".
A Xunta Local serviu para destacar que Sanxenxo segue mantendo unha diminución porcentual do 1% no acumulado de infraccións destes primeiros seis meses do ano con respecto a 2019, unha tendencia que se mantén desde 2018 cunha baixada acumulada nestes dous últimos anos do 7%. En canto aos niveis de esclarecemento de policial seguen os mesmos niveis que o ano pasado entre os meses de xaneiro e maio.
En canto a infraccións administrativas produciuse un incremento respecto ao ano pasado dun 150%, unha desviación motivada polos incumprimentos do estado de alarma.