Un incendio consume o cuarto da caldeira e dana o tellado dunha casa en Tenorio
Por Redacción
Un incendio rexistrado arredor das tres da tarde deste martes nunha caldeira en Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, causou danos materias no propio cuarto no que se atopaba a instalación e na cuberta da vivenda.
Segundo a información facilitada polo Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, arredor das 15.15 horas unha persoa particular contactou co 112 para informar dunha caldeira de combustible ardendo no interior dunha vivenda no lugar de Traslamos, na parroquia de Tenorio.
A chamada puxo en alerta aos servizos de emerxencia, aínda que por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais. O lume consumiu a estancia onde estaba a caldeira e o fume afectou á cuberta do inmoble.
Nada máis ter constancia dos feitos, desde o 112 Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa intervención dos Bombeiros do Salnés, dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade.