O verán chegará con obras en 20 colexios públicos de Pontevedra
Por Redacción
A Concellería de Educación de Pontevedra realizará durante este verán obras para responder ás necesidades máis perentorias dos 20 colexios públicos de Infantil e Primaria da cidade. As actuacións sumarán arredor de 150.000 euros en gastos.
Segundo a información facilitada polo Concello, no que vai de ano o departamento municipal de Educación xa gastou 56.500 euros en obras de reforma, mellora e reparación dos centros escolares de Pontevedra e antes do inicio do verán faranse novas actuacións que elevarán o gasto a 200.000 euros.
O concelleiro de Eduación e tenente de alcalde, Tino Fernández, explicou que, dentro das súas competencias, o Concello tentará que, "neste atípico retorno ás aulas, alumnos e mestres dispoñan de instalacións nas mellores condicións posibles".
Tino Fernández deu a coñecer estas cifras durante unha visita ao CEIP San Benito de Lérez en compañía do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e da directora do centro, Maica Carril.
No colexio de Lérez, Educación realizou obras por 7.691,20 euros, que incluíron o peche da parcela de acceso á zona de Infantil, o arranxo dunha ventá e da porta do ximnasio, a substitución de canalóns e a reposición dunha prancha de poliéster que fora arrincada polo vento no lateral do pavillón.
Ademais, xa se realizaron actuacións noutros 17 centros: os CEIP Álvarez Limeses, Campolongo, Crespo Rivas, Barcelos, San Martiño de Salcedo, Cabanas (Salcedo), Carballeira (Lourizán), Ponte Sampaio, Villaverde (Mourente), Froebel, Manuel Vidal Portela, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Marcos da Portela, Parada (Campañó) e Santo André de Xeve, e as EEI de Verducido e Fina Casalderrey.
O tenente de alcalde manterá este venres unha reunión telemática cos equipos directivos da vintena de centros educativos públicos de Pontevedra coa finalidade de coñecer as súas demandas de cara ao inicio do curso e deseñar un plan de obras prioritarias.
O responsable de Educación lembra que o Concello "ten unhas competencias limitadas exclusivamente ao mantemento e conservación dos colexios” e é responsabilidade da Xunta executar os investimentos e melloras de carácter estrutural, máis aínda se cabe cando os centros van ter que adoptar medidas excepcionais de protección contra a Covid-19 e "son eles os que teñen que establecer as normas de prevención e garantir o seu cumprimento".
O edil socialista manifestou o seu desexo de que "Feijóo abandone esta estratexia de deixarlles todo o ‘marrón’ aos concellos e ás comunidades educativas e non xogue unha vez máis a facer o escapista".