Os vendedores plantan a feira de Ponte Caldelas polo cambio de ubicación, adoptado por cuestións de seguridade
Por Redacción
Os vendedores que este sábado ían participar na feira de Ponte Caldelas decidiron non montar os seus postos, plantando o evento pola súa nova ubicación, que pasou da Alameda á avenida de Galicia por cuestións de seguridade, para adaptarse ás esixencias sanitarias derivadas da crise do coronavirus.
O Concello de Ponte Caldelas tomou a decisión de realizar a Feira de téxtil e calzado na avenida de Galicia, "dado que na Alameda non é posible manter a distancia entre postos para as 52 licencias de téxtil e calzado" e este sábado, despois do plante, reiterou que segue a apostar por este lugar porque, segundo sostén o alcalde, Andrés Diaz, "a saúde e a seguridade dos meus veciños son a prioridade absoluta neste momento e non se permitirá realizar unha Feira se non se poden garantir as medidas de distanciamento social".
Desde o Concello indican que a todos os feirantes comunicóuselle este cambio de lugar vía telefónica. Andrés Díaz lamenta que despois de todos estes meses e cos rebrotes que están a xurdir "non aprenderamos nada" e asegurou que a Feira en Ponte Caldelas vaise facer "se se pode cumprir o distancimento entre postos e tamén o distanciamento social" e iso só é viable na avenida de Galicia.
A pesar do mal resultado deste sábado, o alcalde asegurou que Ponte Caldelas non vai quedar sen feira. Se algún feirante non desexa manter o seu posto nesta localización provisional, pode darse de baixa e deixar paso ós feirantes que están en lista de espera, que, segundo lembra o alcalde, "son moitos".
O Partido Popular de Ponte Caldelas ve con preocupación o plante dos feirantes, que non quixeron montar "nunha ubicación que non consideran idónea e incómoda para a gran maioría dos seus clientes", segundo sostén o voceiro do PP, Antón Xil.
O concelleiro do PP asegura que outro dos motivos alegados polos comerciantes ambulantes para protagonizar este plante foi o feito de que o alcalde lles reduza "de xeito arbitrario" ao 50% o tamaño dos seus postos, pois consideran que, unha vez entrada na 'nova normalidade' "é excesivo" este tipo de medidas.
Os 'populares' cren que hai espazo suficiente na contorna da Alameda para non ter que levar a feira ata a parte alta da vila, onde "hai máis dificultades de desprazamento e rómpese co concepto de unidade comercial que se establecía tradicionalmente entre os postos ambulantes e o comercio estable".
Relacionadas:
-
A feira volve á Alameda de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas devolverá as taxas de 2020 aos vendedores ambulantes da feira
Por Redacción |
-
Téxtil e calzado volven á feira de Ponte Caldelas extremando as medidas de distanciamento
Por Redacción |
-
A feira de Ponte Caldelas volve este venres só para produtos agroalimentarios e extremando a seguridade
Por Redacción |