Ponte Sampaio concéntrase para reclamarlle ao Sergas o retorno do médico ao consultorio da parroquia
Por Diego Torrado & Redacción
Un importante número de residentes en Ponte Sampaio concentrábase na tarde deste sábado ante as portas do consultorio clínico da parroquia para reclamar ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS) o retorno do facultativo a este centro.
A Plataforma veciñal de Ponte Samaio - Canicouva entende que desde a Consellería de Sanidade existe a intención de pechar a instalación causándolle un grave prexuízo á parroquia. Sinalan que este espazo clínico tivo un funcionamento normal durante os últimos anos e cando se declarou o estado de alarma, o SERGAS decidiu primeiro retirar ao médico e despois ao enfermeiro.
Desta forma, os pacientes, na súa maioría persoas de avanzada idade, tiñan que desprazarse ao centro de saúde Virxe Peregrina en Pontevedra obrigándolles ao traslado para recibir os tratamentos ou para acudir a unha consulta.
O ATS incorporouse en xuño, despois da presión veciñal e do Concello de Pontevedra, pero o SERGAS négase a que regrese o facultativo porque sinala que as instalacións incumpren a normativa en canto a espazo para que poida retomar a actividade.
Os veciños alegan que existe un Centro Cultural no que se pode instalar a consulta e reclaman a incorporación inmediata do facultativo.
O CANDIDATO DO BNG POR PONTEVEDRA ASISTE Á CONCENTRACIÓN
Ao acto de protesta da tarde deste sábado acudía o candidato do BNG pola provincia, Luís Bará, que reclama a reapertura con todos os efectivos médicos deste centro sanitario e comprometeuse a poñer en marcha un Plan de Mellora de Atención Primaria cun incremento do orzamento de 200 millóns de euros para contratar persoal.
Bará prometeu unha atención médica integral e de calidade coa reactivación do consultorio para o beneficio desta parroquia pontevedresa.
Relacionadas:
-
Velorio en Ponte Sampaio para escenificar "a morte da sanidade pública" na parroquia
Por Redacción |
-
A xerencia do CHUP insiste en pedir a biblioteca de Ponte Sampaio ao Concello para normalizar a atención primaria na parroquia
Por Redacción |
-
Concentración veciñal para reclamar servizo médico en Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Pontevedra cederá ao Sergas a Casa de Cultura de Ponte Sampaio como solución "transitoria"
Por Alejandro Espiño |
-
Ponte Sampaio sae á rúa para esixir o regreso do médico ao centro de saúde
Por Redacción |
-
O Sergas só devolverá o médico ao consultorio de Ponte Sampaio se o Concello lle cede o edificio anexo
Por Redacción |
-
O Consultorio de Ponte Sampaio reactivará a actividade de Enfermería o vindeiro 1 de xuño
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada