A illa de Ons estrea o mes de xullo cun número de visitantes de récord
Por Manu Otero
"O turismo está a responder ben, como se esperaba. A xente estaba comprometida co turismo local e nacional e están a responder", explica satisfeita a encargada do departamento de reservas da Navieira Nabia, Luisa Leyenda, unha das compañías autorizadas ao traslado de visitantes, campistas e insulars á illa de Ons.
Aínda que a cota de visitantes para esta fin de semana está lonxe de completarse, na central de autorizacións da Xunta para visitar esta illa do parque nacional Illas Atlánticas aínda hai dispoñibles para esta fin de semana preto dun milleiro de permisos, desde a navieira aseguran que "é moi pouco habitual que haxa tanta demanda para a primeira fin de semana de xullo".
O límite diario de visitantes é de 1.300 persoas, pero desa cifra quedan excluídos tanto os campistas como os insulares e os seus invitados, que recentemente confirmaron o acordo coa Xunta para dispoñer dunha cota de 800 prazas á marxe da cota xeral e outras 300 adicionais para datas sinaladas. Ademais, o cámping da illa tamén terá colgado o cartel de completo para todas as fins de semana de xullo e a primeira quincena de agosto.
É tan alta a demanda que a navieira Nabia tivo que habilitar un barco de reforzo para o traslado de visitantes esta fin de semana e, a partir da próxima, teñen previsto habilitar unha liña directa desde Vigo. "Antes a xente que quedaba sen ir a Cíes porque estaba a cota chea non querían nin oir a falar de Ons, moito menos desprazarse a Bueu. Pero agora iso está a cambiar", subliña Leyenda.
A única preocupación que mostran os turistas ante un verán marcado pola pandemia da Covid-19 é polo prazo de cancelación pola posibilidade de que un rebrote ou unha nova declaración do estado de alarma obrigue a suspender as súas viaxes e tanto desde o cámping como nas oficinas de atención ao cliente das navieiras tratan de poñer todas as facilidades.
Polas medidas de seguridade e prevención preguntan menos, explica Leyenda achacándoo a que "son as mesmas que en todas partes". Pero por se alguén aínda non as ten claras, na parte posterior dos mapas que entregan aos visitantes teñen unha guia visual co que deben facer para evitar a transmisión do coronavirus.
En primeiro lugar recomendan evitar tocar paneis informativos ou varandas, camiñar pola dereita nas sendas, gardar a distancia de seguridade e non permanecer excesivo tempo nos paneis ou miradoiros para evitar aglomeracións. Ademais lembran a necesidade de usar a máscara naqueles lugares nos que é imposible respectar as distancias, desinfectar as mans con frecuencia e, baixo ningún concepto, tirar máscaras, luvas ou cabichas ao chan.