Proxectan unha aldea modelo en Parada que reactive o traballo agrogandeiro e evite lumes forestais
Por Redacción
Cerdedo-Cotobade vai contar cunha aldea modelo, unha fórmula produtiva que promove a Xunta de Galicia co obxectivo de recuperar zonas rurais que se atopan en risco de abandono.
O proxecto está deseñado para que se aplique na parroquia de Parada. A intención é que con esta iniciativa se favoreza a limpeza de leiras para o seu uso agrogandeiro e ao mesmo tempo chegue a evitarse a posibilidade de incendios forestais.
Desde o Concello de Cerdedo-Cotobade indican que os propietarios dos terreos afectados xa asinaron a cesión das súas parcelas nos lugares de Parada e Mouteira. O seguinte paso será que a Consellería do Medio Rural proceda a delimitar exactamente o polígono coa superficie na que se creará a aldea modelo. Segundo o goberno de Jorge Cubela, o espazo partirá destes dous núcleos de poboación e superará as denominadas franxas de protección de incendios, fixadas no perímetro de 50 metros. A idea é que chegue ata o bordo dos montes da parroquia.
Estes proxectos xa se puxeron en marcha en Lugo e Ourense; Cerdedo-Cotobade será dos primeiros da provincia de Pontevedra que acolla esta fórmula de produción rural co obxectivo de poñer en valor terreos que maioritariamente se atopan abandonados para que se reactive a elaboración de produtos do sector primario para a súa posterior comercialización.
A Xunta asumirá a limpeza de toda a zona afectada a través de Seaga durante cinco anos. A cambio, os propietarios deberán reimplantar a actividade agrogandeira ou permitir que persoal interesado, seleccionado pola Consellería, se encargue destas tarefas neses terreos da aldea-modelo.