O BNG conmemora o Día de Galiza Mártir coa vista posta no PP ao que acusan de ser "herdeiro do franquismo"
Por Redacción
O secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira, e a responsable comarcal en Pontevedra do partido nacionalista, Anxos Riveiro, presentaron o acto de conmemoración do Día de Galiza Mártir que convocaron para este sábado 17 ás 20 horas na Praza de Curros Enríquez.
Lobeira fixo un chamamento, sobre todo, aos mozos para que acudan a esta celebración ante as actitudes do Partido Popular e argumentou que "trátase de que o 17 de agosto nos opoñamos a que humillen a Alexandre Bóveda e a milleiros de persoas que perderon a vida ou foron reprimidas por ese rexime político ditatorial". Criticou, ademais, os danos que sofre Galicia a raiz da política do PP que busca a recentralización e a utilización da reclamación de "Gibraltar español" como cortina de fume dos problemas económicos e sociais.
O acto que se desenvolverá en Curros Enríquez contará coa intervención do neto de Alexandre Bóveda e secretario da Fundación que leva o seu nome, Valentín Bóveda. Sumaranse ás súas palabras as do alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores e as da escritora Marta Dacosta. A conmemoración finalizará cun discurso do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que dará paso a unha cea organizada por Galiza Nova.