Poio reparte os 'Talleres na rúa' polas diferentes parroquias
Por Redacción
Vilariño, os días 28 e 29 de xullo, será o primeiro lugar de Poio que acollerá os 'Talleres na rúa' organizados pola Concellería de Mocidade e Benestar.
A iniciativa, destinada a nenos e nenas desde os 6 anos de idade, pretende ofrecer aos pequenos unha alternativa de lecer na que poderán confeccionar coas súas mans elementos decorativos como imáns para a neveira, bonecos ou lapiceros, entre outros. Todo dándolle unha segunda vida a materiais reciclados co obxectivo de concienciar aos participantes sobre a importancia do consumo responsable.
Os 'Talleres na rúa' levaranse ás diferentes parroquias, empezando por Vilariño e seguindo o 4 e 5 de agosto por Samieira (praza Romay Besada), os días 11 e 12 de agosto en Campelo (Praza da Granxa) e terminando o 18 e 19 de agosto en Combarro (Praza da Chousa).
As actividades desenvolveranse en todos os casos en horario de 11.00 a 13.00 horas.
Todos os participantes deberán acudir con máscara para cumprir o protocolo sanitario, podendo solicitar máis información respecto diso no teléfono 986 872 401 no correo electrónico xuventude@concellopoio.org.