O Intecmar recibe un premio internacional polo seu labor a favor da conservación do medio mariño
Por Oskar Viéitez
O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, recibiu a pasada fin de semana nunha gala celebrada de xeito telemático o Premio Natura Mare, un galardón internacional concedido pola firma PriceWaterhouseCoopers Portugal que recoñece a excelencia e o mérito das persoas ou entidades que actúan a prol da conservación e valorización do medio mariño.
O recoñecemento xa fora concedido o pasado mes de marzo pero o acto de entrega non se celebrou ata agora á espera de como evolucionaba a alerta sanitaria polo coronavirus.
O galardón, outorgado no marco dos premios Excellens Mare 2020, enxalza o labor técnico realizado polo Intecmar no control do medio mariño, o seu espírito de cooperación coa comunidade marítima e académica e o seu carácter como referente internacional no apoio á conservación e valorización do medio mariño. Trátase dun fallo que o xurado realizou tras escoitar a especialistas, asociacións e actores relevantes vencellados co mundo do mar.
A importancia do galardón queda patente coa participación na gala de representantes de importantes institucións vencelladas co eido do mar, como o científico xefe interino da Administración Nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA) de Estados Unidos, Craig McLean, a directora xeral da Política do Mar de Portugal, Helena Vieira, ou o presidente da asociación náutica brasileira Acatmar, Mané Ferrari.
Ademais do Intecmar, no resto de categorías foron premiados o príncipe Alberto II de Mónaco, a empresa PSA, a Fundaçao Gil Eannes, a Revista de Marinha, o deportista Francisco Lufinha e o instituto de investigación Inesc Tec.