Conclúen as obras de mellora da estrada que une Marín co núcleo de Penizas
Por Redacción
A deputación de Pontevedra dá por terminadas as obras da estrada provincial EP-1201 que comunica Marín co núcleo de Penizas. A actuación consistiu na instalación de novas cunetas tendidas que amplían a superficie de rodadura a pesar do estreito dalgunhas partes da vía. Este mércores a alcaldesa María Ramallo e o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitaron a obra.
Valorada en 47.500 euros, tanto Concello como Deputación destacaron o bo resultado da actuación. "Este tipo de obras funcionan ben e vos veciños agradécenas", sinalou Agis, que se mostrou aberto a seguir colaborando cos concellos para mellorar a rede provincial de estradas.
Os veciños tamén mostraron a súa satisfacción co resultado dos traballos nunha carta enviada á presidenta provincial, Carmela Silva, debido a que se trata dunha rúa de intenso tráfico peonil cara ás praias marinenses.
"Tanto os veciños como a contorna agradecen moito este sistema que trata de ampliar espazos peonís con maior seguridade en zonas nas que existe dificultade para realizar outro tipo de actuación", declarou a rexedora marinense.
Explican desde o ente provincial que, desde o ano 2015, o Concello de marín recibiu por parte do executivo provincial 7,1 millóns de euros correspondentes na súa maioría ao Plan Concellos. Esta ano, a adxudicación para o municipio marinense supera o millón de euros.