En marcha o proxecto para reformar a Praza de Barcelos coa intención de facela máis accesible e redistribuír os seus usos
Por Anxo Lourido
Demetrio Gómez, concelleiro de Obras en Pontevedra, avanzaba este xoves que o goberno local espera que antes de finais deste ano, Pontevedra conte cun proxecto de reforma da praza de Barcelos.
Nestes momentos, encargouse un informe á emñpresa 2 C Arquitectos de Santiago, que lidera o pontevedrés Anxo Cid, presidente da delegación compostelá do COAG, e unha persoa que coñece ben a praza, segundo manifestaba Demetrio Gómez.
A intención do Concello de Pontevedra é que se redistribúan os usos actuais deste espazo xa que, segundo indicou o responsable de mobilidade, as actividade concéntranse nun cuarto do recinto na zona entre o colexio de Barcelos, a zona de xogo infantil e as pistas deportivas.
Tamén se buscarán fórmulas para que a praza convide a entrar xa que cos actuais accesos non hai conexión directa coas rúas que desembocan cara ao recinto como Pérez Villamil, Vasco da Ponte ou a Rúa do Rouco. Ao mesmo tempo, a idea é que tamén se logre unha mellor ligazón coa zona de Santa Clara e con San Antoniño.
Para o concelleiro, a praza na actualidade presenta diversos problemas en relación cos usos e as circulacións perimetrais. Entre estas deficiencias destacou o estado do pavimento da calzada formado por lastras e que dificulta a circulación rodada pola contorna da praza. Indicou que se estudará a posibilidade de substituílo por unha plataforma continua de asfalto ou de formigón. Tamén sería necesario mellorar o pavimento interno da praza, que se atopa en malas condicións. Ademais, revisaríanse os aparcamentos actuais xa que mostrou que en moitos casos os vehículos invaden as beirarrúas provocando dificultades para o tránsito peonil.
Toda a actividade comercial, admitiu Gómez Xunqueira, precisa acceso a vehículos para carga e descarga pero estudarase a opción de reducir a zona de uso de coche. Entre as medidas que se contemplan atópase a eliminación do dobre sentido de circulación actual para establecer un único sentido con prazas para aparcamento, sempre gañando espazo para o paso de peóns. Revisarase tamén un cambio das bocas de entrada ao aparcamento subterráneo que, segundo o concelleiro, corresponden a outra época e agora poden ser máis amables coa contorna.
En canto á redistribución dos espazos, o concelleiro indicou que posiblemente desapareza o quiosco actual sen actividade situado no centro da praza e redeseñaríase toda a contorna creando zonas de asento na parte máis próxima ao convento de Santa Clara, onde se atopan as árbores que proporcionan sombras e redistribuíndo as actuais ofertas lúdicas que presenta a praza para que toda ela conte con actividade.
A intención é presentar un proxecto cunha solución integral para esta contorna con máis espazos de esparexemento e con accesos que faciliten o paso de peóns pola praza conectándoa co centro da cidade e cos barrios próximos. Segundo explicaba, unha reforma da praza axudará a dinamizar economicamente esta zona e a converter Barcelos nunha referencia para a actividade lúdica e de lecer en Pontevedra. Unha vez que o goberno local teña un borrador do proxecto se analizará, segundo Demetrio Gómez, con residentes, comerciantes e a comunidade escolar para ver que forma se vai dar ao patio de recreo do CEIP Praza de Barcelos e acordar as mellores solucións para esta zona céntrica da cidade.