O goberno de Sanxenxo aclara que vai pagar os socorristas todo o salario aínda que non traballaran polo mal tempo
Por Redacción
Comisións Obreiras convocou para este sábado unha concentración diante da Casa do Concello de Sanxenxo para que socorristas, acomodadores de praia e sanitarios manifestaran a súa oposición a que o goberno local puidera restar dos seus salarios os días que non traballaran durante este mes de agosto polo mal tempo.
Malia esta convocatoria, os responsables da coordinación do servizo de salvamento e socorrismo informaron o persoal durante as últimas horas que está previsto o pago completo polos 31 días deste mes de agosto, sen descontar días que non houbesen trabajdo por choiva ou por calquera outro motivo. Segundo manifestan desde o goberno local nunca se decidiu o contrario.
Ademais, os xefes de posto cobrarán en setembro o mesmo complemento económico que en xullo e en agosto, ao non contemplar outra posibilidade o goberno de Telmo Martín.
Por último, desde o Concello de Sanxenxo sinalan que un grupo de catro ou cinco xefes de posto reclaman a cobranza dunha hora extra por día por recoller e devolver o material á base durante o mes de xullo. Segundo o goberno local, esta actuación supuxo dez minutos de recollida e outros dez para devolver ese material. Os representantes municipais entenden que se trata dunha función propia do seu traballo e que se compensa polo complemento económico que perciben.
Indican que a protesta forma parte da confluencia de intereses de "algún socorrista e un sindicato" facendo unha clara referencia a Comisións Obreiras.
Relacionadas:
-
Os socorristas realizaron case 3.000 intervencións durante o mes de agosto nos areais de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Os socorristas de Sanxenxo suspenden as mobilizacións tras veren cumpridas a maioría das súas esixencias
Por Redacción |
-
Socorristas de Sanxenxo convocan unha concentración ante os "atropelos" do goberno de Telmo Martín
Por Redacción |