Recoñecen como accidente laboral unha baixa dun policía local de Pontevedra motivada por problemas cun compañeiro
Por Oskar Viéitez
A sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificou unha sentenza do Xulgado do Social número 3 de Pontevedra que fallaba a favor dun axente da Policía Local que demandou ao Concello de Pontevedra por non recoñecer como accidente laboral unha baixa por enfermidade motivada por problemas do denunciante cun compañeiro.
Segundo informou a sección sindical de Comisións Obreiras, a situación remóntase ao 29 de maio de 2018 cando o traballador presentou denuncia poñendo de manifesto diferentes actuacións por parte doutro funcionario que foi obxecto de expediente sancionador en virtude de escrito do demandante.
Desde Comisións Obreiras criticaron que naqueles momento tanto o xefe de Policía Local Daniel Macenlle como a concelleira de seguridade cidadá, Carme Da Silva, "a pesar de coñecer perfectamente as circunstancias inhibíronse e permitiron que a situación que debería ser substanciada en días, durase practicamente un ano".
Por outra banda cando o traballador buscou a protección dos servizos de prevención de riscos laborais do Concello de Pontevedra non obtivo resposta ata 10 meses despois, unha circunstancia pola que Comisións Obreiras non descarta presentar novas accións xudiciais.
Finalmente Comisións Obreiras lamenta os "prexuízos, abusos e atropelos que veñen sufrindo os traballadores e traballadoras deste Concello por parte do goberno local".