Os veciños de San Roque reclaman melloras no seu barrio
Por Oskar Viéitez
A Asociación de veciños San Roque, que preside Sabino Martínez, dirixiuse por escrito ao alcalde de Pontevedra para solicitarlle unha serie de obras e melloras "que cremos necesarias para o noso barrio".
Tras recordarlle dende a Asociación que A Moureira "abrangue unha densidade de poboación superior a 12.000 cidadáns", estes veciños expoñen que a zona de Riveira dos Peiraos necesita "unha atención especial para recuperar un espazo do noso ámbito, que forma parte da historia do noso barrio".
A esta zona desembocan as rúas: Sardiña, Xurelo e Espadín e foron antigamente zona de salgadura. "Este espazo necesita un firme ou piso de pedra, acorde co ámbito, recuperar unha bita de pedra sepultada no río, uns bancos, arranxo de beirarrúas e xardíns, limpeza dos muros de contención do río e unha varanda de protección na marxe esquerda (confraría de pescadores), solicitada hai anos e que se podería aproveitar a varanda instalada nos arredores da praza de touros, se un día desaparece o "pipi-can". Esta varanda non cumpre ningún servizo notable onde se encontra actualmente", di o escrito.
En canto á Praza do Gremio de Mareantes os veciños de San Roque consideran que necesita unha capa de asfalto, "solicitada hai anos" e engaden á súa petición "corrixir, no posible, o desnivel existente no paso de peóns que une rúa Víctor Said Armesto con Paseo Colón, (propoñemos unha zona graduada). Son moitas as persoas que foron vítimas de caídas ao baixar, e é moi pronunciada a suba".
Sobre este último aspecto, Sabino Martínez recorda que a Xunta Directiva da súa Asociación xa comentou co enxeñeiro do Concello este tema e "prometeron colocar uns pasamáns para facer máis cómodo o subir ou baixar as persoas maiores por esta zona, sen que se realizase nada ao respecto".
Solicitan máis pasamáns nas escaleiras que une a Alameda con Montero Ríos, á altura do Instituto Val Inclán, "igual que a instalada en fronte á Deputación e que presta un bo servizo ás persoas maiores".
"Os autobuses de servizo regular que necesitan facer uso para apearse os viaxeiros na parada de San Roque, diante da Capela, normalmente este espazo está ocupado por autobuses foráneos que obrigan aos autobuses de servizo regular a invadir o carril contrario", engade a súa misiva "na rúa Víctor Said Armesto, paso de peóns, diante da farmacia, xa sufrimos algúns atropelos ao manobrar os coches en marcha atrás e por dirección prohibida".
Finalmente a Asociación Veciñal remata coa Avenida de Marín, "propoñemos; unha vez decatados da misión que cumpren os "lombos", se eliminen algúns nos dos carrís dos que se pretende arranxar e báixese o nivel dos que queden, unha vez aprendida a lección".