Falece un motorista de 29 anos tras bater contra un poste en Cerdedo
Por Redacción
As estradas pontevedresas cobráronse unha nova vida. Un mozo de 29 anos, veciño de Marín, faleceu este domingo despois de que a moto que pilotaba chocase contra un poste na N-541, en Cerdedo.
O accidente produciuse sobre as dez e cuarto da mañá no quilómetro 65 desta estrada, á altura da gasolineira que hai na zona.
Por causas que se investigan, o motorista -que ía nun grupo con outros tres compañeiros- saíu da estrada pola marxe dereita da calzada e chocou contra un poste.
A pesar de que usaba o casco regulamentario, o impacto contra a estrutura foi tan forte que a vítima faleceu no acto.
Ao lugar do sinistro acudiron efectivos da Garda Civil de Tráfico para regular a circulación na N-541 e investigar o accidente.