Investigan un roubo nun piso de Blanco Porto mentres os donos estaban de vacacións
Por Natalia Puga
O sábado pola tarde un vehículo da Policía Nacional irrompeu na rúa Blanco Porto de Pontevedra. Non é unha imaxe estraña, dada a proximidade da Comisaría Provincial, pero si a forma na que o fixo. Os axentes pararon diante do portal número 12-14 e pasaron un bo anaco dentro do edificio. Logo, reforzouse o despregamento policial. Acaban de recibir unha denuncia por un roubo con forza nun domicilio.
Fontes veciñais confirmaron que os ladróns entraron á forza nunha vivenda do cuarto piso que levaba varios días desocupada porque os seus moradores estaban de vacacións. O roubo descubriuno unha persoa que habitualmente acode á vivenda a realizar tarefas de limpeza. Cando chegou o sábado encontrouse coa porta forzada.
A porta de acceso ao piso fora esnaquizada utilizando un trade e o interior tiña sinais evidentes de ter sido obxecto dun roubo, pero non transcendeu que efectos terían sido substraídos.
A Policía Nacional entrevistouse cos veciños, pero, en principio, ningún observou movementos estraños. Descoñécese mesmo o día exacto en que se puido perpetrar o roubo, pois puido mesmo acontecer varios días antes do sábado.
Fontes policiais policiais confirmaron que os propietarios da vivenda xa presentaron denuncia polo ocurrido e abriuse unha investigación para esclarecelo.