Marín colabora cos comedores escolares cunha subvención de 10 euros por neno ao mes
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa María Ramallo e a concelleira Marián Sanmartín mantiveron este mércores unha reunión co vicepresidente da Fampa, Ángel Sánchez, que é a entidade que xestiona os comedores escolares da EEI O Grupo, do CEIP Ardán, do CEIP Seixo, do CEIP da Laxe, que xa prestaban o servizo o ano pasado, así como a recuperación do mesmo no CEP O Sequelo.
O CEIP O Carballal, que autoxestiona este servizo coa súa propia asociación de pais e nais "contará coas mesmas facilidades e axudas", segundo lle trasladou a concelleira á presidenta da Anpa do centro, Vanesa Gil.
Nas reunións, Concello, Fampa e a Anpa do Carballal, analizaron os datos de utilización dos comedores nos centros escolares de Marín e o incremento do custo dos comedores xestionados pola Fampa.
O equipo de Goberno acordou que cada familia contará cunha subvención de 10 euros por neno ao mes para facilitar o pago deste servizo e a parte proporcional para os nenos que van só algún día á semana. Ademais, manterase a subvención completa do comedor nos casos que sexan derivados de Servizos Sociais.
En total, a día de hoxe serán 80 nenos os usuarios dos comedores escolares da vila, unha demanda algo menor con respecto ao ano pasado debido ás circunstancias sanitarias, pero que segue supoñendo unha importante axuda para a conciliación familiar. Esta axuda, da que xa se beneficiaron o ano pasado as familias usuarias, amplíase este ano ao Carballal e ao novo comedor recuperado no Sequelo.
"É posible que a medida que avanzan as semanas haxa un aumento na demanda deste servizo, pero consideramos que nestes momentos temos que manter as axudas para que as familias poidan asumir do mellor xeito posible a prestación deste servizo fundamental e así apoiar a conciliación familiar", asegurou a concelleira Sanmartín.
Esta inversión económica, ademais, súmase ao incremento do gasto que fixo o Concello nos centros polo reforzo das limpezas, desinfeccións e demais medidas relativas á adecuación dos centros á situación actual.
Relacionadas:
-
O Concello de Marín e Érguete colaboran a pé de rúa para a reinserción de persoas drogodependentes
Por Redacción |
-
A crise da covid incrementa o número de usuarios dos servizos sociais de Marín
Por Redacción |
-
A Fanpa pon en marcha este luns os comedores escolares e o Plan Madruga
Por Redacción |
-
Incógnita resolta: os servizos de comedor e Plan Madruga de Pontevedra e Poio comezan o 5 de outubro
Por Redacción |