O novo centro de saúde de Marín estará en funcionamento en 2015
Por Redacción
Marín terá un novo centro de saúde que agrupe a atención primaria do municipio nunha soa sede. O proxecto leva varios anos xestándonse e a alcaldesa, María Ramallo, recorda que é unha "vieja demanda" dos veciños. Xa ten data. En 2015 estará en funcionamento nuns terreos situados O Souto, ao lado da antiga barriada de suboficiais de Jaime Janer.
O anuncio realizouno este mércores María Ramallo durante unha visita aos terreos en compañía do director xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Pablo Torres Arrojo; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o xerente do CHOP, José Manuel Fernández; e a deputada provincial Ana Isabel Vázquez.
O novo centro agrupará a atención que se presta na Casa do Mar e o Centro de Saúde actual e María Ramallo ten a garantía de que se cumprirán os prazos para a redacción do proxecto construtivo que está en marcha nestes momentos e que en 2015 as obras estarán rematadas, tras un investimento previsto de 4,6 millóns de euros.
O centro de saúde, que contará cunha superficie construída de ao redor de 3.800 metros cadrados, situarase nunha parcela de máis de 2.612 metros cadrados cedida gratuitamente polo Concello.
Os espazos máis importantes recollidos no programa funcional do centro son, na área de medicina xeral e enfermería, 12 consultas de medicina xeral, 11 de enfermería, unha para docencia, unha polivalente, un despacho para o traballador social, unha consulta de telemedicina, unha sala de tomas de mostras e outra sala de técnicas.
Terá tamén unha consulta de odontoloxía, outra para hixiene dental, outra de farmacia, unha sala de raios X, unha consulta da muller, unha para a matrona, unha sala de educación para a saúde, unha sala para fisioterapia con 4 cabinas de tratamento, unha consulta de fisioterapia, un despacho para xestión e outro para o coordinador.
Na área de pediatría, haberá catro consultas de pediatría, un polivalente de pediatría e tres de enfermería pediátrica. Na área de urxencias (PAC), haberá tres consultas de medicina xeral, dúas de enfermería, catro zonas de dormitorios para o persoal, un box de críticos e unha sala de observación. Outros servizos dos que disporá serán a biblioteca, sala de xuntas, sala de estar, almacéns ou un arquivo.