Sanxenxo supera nun 60% a media de España de absentismo laboral
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo mostra publicamente a súa preocupación e sorpresa polos elevados niveis de absentismo laboral entre os traballadores municipais.
Nun comunicado, o goberno local expón que o plantel fixo está composto por 250 persoas e desde setembro do 2019 ata a actualidade, o Concello acumula 127 baixas, das cales 28 seguen activas. Puntualizan ademais que só unha correspóndese a un embarazo e outras cinco por contacto con positivos por coronavirus que non chegaron a desenvolver a enfermidade.
Un estudo realizado pola consultora laboral Cibermutu@ revela que a media de absentismo do Concello de Sanxenxo foi do 28% no último ano, o que supón un 60% máis que a media nacional no conxunto das administracións públicas. Entre os distintos departamentos e servizos destacan as baixas na Policía Local que alcanzaron o 56,88%, o que significa un 157% máis que a media nacional nos corpos de seguridade.
Alertan desde o executivo que encabeza Telmo Martín que no último ano houbo períodos nos que ata 13 policías dos 23 que compoñen o persoal fixo estiveron de baixa á vez. Tamén Terra Sanxenxo alcanzou cifras moi altas de absentismo cun 37%, o que significa un 205% máis que a media nacional. O groso das baixas de Terra concéntrase en dous servizos a limpeza de edificios e instalacións e o Servizo de Axuda non Fogar.
O custo das 127 baixas foi de 715.202 euros. Dos cales 457.000 euros achégaos o Concello, 330.000 euros nos soldos do persoal de baixa e outros 127.000 pola contratación do persoal de substitución. Os 258.202 euros restantes cóbreos a Seguridade Social.