VÍDEO.- O colectivo Savia Nova denuncia verteduras ilegais e tóxicas na contorna de Lourizán
Por Redacción
Restos de obra, uralita (amianto), vexetación de xardinería, aparellos eléctricos, mobiliario, residuos de vehículos abandonados. Todo este lixo almacénase en diversos puntos da parroquia de Lourizán.
Así o denuncia Iván Pérez Berjano, presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra e presidente da Comunidade de Montes de Lourizán. Este divulgador ambiental do grupo Savia Nova en Youtube recolle nun vídeo coas súas últimas exploracións pola parroquia estes escenarios cheos de verteduras incontroladas. Apunta a que son "ilegais e, nalgún caso, mesmo tóxicos", situados preto de puntos de captación de auga doméstica polo que temen filtracións de contaminantes.
Pérez Berjano afirma que esta situación foi denunciada a todas as autoridades competentes, como Policía Local, Policía Nacional, Autonómica e Distrito Forestal. Tamén tentaron poñerse en contacto co Seprona en diversas ocasións sen éxito.
Con este vídeo queren facer visible este problema na parroquia pontevedresa para que as denuncias non pasen desapercibidas. Pretenden que os infractores non saian impunes e que a veciñanza denuncie estas situacións cando vexan a algún infractor. Desde este colectivo pregúntanse como é posible que se sigan rexistrando estas actuacións cando existe un sistema municipal gratuíto de recollida de material voluminoso.
Por último, piden ás autoridades que actúen porque algúns destas verteduras levan anos sen ser retirados a pesar das reclamacións veciñais. Lembran que en caso de non identificarse ao infractor, o responsable da retirada dos desperdicios será a persoa propietaria da parcela.
Relacionadas:
-
Denuncian unha vertedura "escandalosa" no monte Catadoiro, entre Lourizán e Salcedo
Por Anxo Lourido |
-
A vertedura con materiais tóxicos denunciado no monte de Lourizán segue medrando
Por Manu Otero |
-
RADIO.- A playlist de... Iván Pérez. Alimentado dun combustible chamado "podemos cambiar o mundo"
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia |
-
Estudantes de Praceres limpan de eucaliptos o monte de Lourizán
Por Redacción |
-
Novas caras na Mancomunidade de Montes de Pontevedra 16 anos despois
Por Redacción |