Poio deseña un dispositivo de seguridade 'anti covid' para a festividade de Todos os Santos
Por Redacción
O Concello de Poio, a través da Comisión de Emerxencias da Covid-19, desenvolverá esta fin de semana, con motivo da festividade de Todos os Santos, un dispositivo especial nos cemiterios do municipio para velar polo cumprimento das normas de seguridade e sanitarias decretadas a raíz da expansión da pandemia.
Deste xeito, tanto o sábado 31 de outubro como o domingo 1 de novembro despregarase un operativo, integrado por axentes da Policía Local de Poio e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, para controlar as entradas aos camposantos, de xeito que se garanta o cumprimento do aforo permitido e non se produzan aglomeracións.
Estes controis se levarán a cabo tanto no cemiterio municipal de San Xoán como nos parroquiais, se ben este último caso ditos controis realizaranse de xeito exclusivo na entrada aos recintos. Ademais, trasladaranse todas as recomendacións e medidas aos responsables das dependencias de titularidade parroquial.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, fai un chamamento á cidadanía para que dea cumprimento ás pautas establecidas pola Xunta de Galicia de cara á festividade de Todos os Santos, unha xornada na que habitualmente numerosos cidadáns visitan aos cemiterios para lembrar aos seus seres queridos falecidos.
Neste sentido, a edil do Goberno local tamén recomenda á veciñanza que, na medida do posible, acuda aos cemiterios nos días previos á fin de semana, xa que "tanto o sábado como o domingo o aforo quedará reducido. Escalar as visitas durante as vindeiras xornadas facilitaría o cumprimento das medidas de sanidade e axudará a garantir a seguridade de todos e todas", incide Caldas Moreira.
Entre as recomendacións tamén se inclúe a de permanecer no interior das instalacións o tempo imprescindible, cun máximo de 30 minutos, evitando as zonas comúns e acudindo de xeito individual ou en grupos de non máis de catro persoas. "É importante que non haxa interrelación entre grupos diferentes, así como manter a distancia de seguridade de 1,5 metros e evitar o contacto físico ", lembra Marga Caldas.
Os cidadáns tamén deberán levar máscara e usar panos desbotables no caso de tusir ou esbirrar. Neste sentido, o Concello informa de que se habilitarán contedores de lixo nas entradas dos cemiterios, así como dispensadores de xel e cartelaría informativa. Ademais, estes días estase procedendo á limpeza e desinfección no interior do cemiterio municipal, unha tarefa que se intensificará tanto o sábado como o domingo. Non estará permitido fumar no interior dos recintos.
O horario de apertura será de 9.00 a 21.00 horas. A Policía Local tamén deseñará un operativo específico para o control do tráfico e de estacionamentos, encamiñado a evitar aglomeracións.