A hostalería pide á Xunta que prolongue o toque de queda ata medianoite
Por Oskar Viéitez
A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) apoia a petición da Federación Provincial de Hostalería de Pontevedra (Feprohos) de estender ata a 00:00 horas a limitación do horario nocturno decretado a raíz do novo estado de alarma, solicitado formalmente diante da Xunta de Galicia este mércores.
César Sánchez-Ballesteros, presidente de Feprohos explica que "para algúns de nós esa hora de marxe pode supoñer a diferenza entre cubrir custos, conseguir recortar perdas, reter a parte da clientela ou, directamente, botar a persiana. Somos perfectamente conscientes do complicado da situación epidemiolóxica provocada polo Covid-19. Pero temos unha responsabilidade cos nosos traballadores. Queremos manter o emprego, pero sen clientela e sen negocio, é imposible".
Lembran ademais que as empresas do sector, a gran maioría pemes ou micro pemes, realizaron todos os axustes e adaptado todos os protocolos de seguridade que se lles esixiu e colaboraron para garantir a seguridade sanitaria de traballadores e clientes, asumindo os custos e, en moitos casos, sen recibir axudas ou compensacións polo cesamento de actividade.
Pola súa banda o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, fixo "un chamado á responsabilidade individual. Por moito que os empresarios cumpramos, non podemos responder polo comportamento de cada persoa. En cambio, se cada un de nós segue os protocolos, contribuiremos a frear a expansión da pandemia".
Ambas as organizacións sosteñen que esa hora de diferenza entre o peche ás 23:00 ou ás 00:00 pode salvar empresas e, con todo, ter mínima incidencia no control da pandemia.
"Somos os principais interesados en garantir aos nosos clientes que cumprimos cos protocolos e coas medidas de prevención e hixiene necesarias para ofrecer un servizo seguro. Non pode dicirse outra cousa", di o presidente de Feprohos.
E insiste o presidente de Feprohos en que ampliar o horario de peche ata as 00:00 prolonga o horario de ceas, permitiría remontar servizos e supoñería un pequeno aliciente nun momento no que cada vez máis, a cidadanía tende a quedarse na casa.
Relacionadas:
-
El Bruc bota o peche e presaxia unha fervenza de clausuras: "O negocio é insostible"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A hostalería de Pontevedra estudará mobilizacións: "a situación pasou de negativa a crítica"
Por Redacción |
-
Denuncian 22 asistentes a unha festa en Noalla con exceso de ocupación e sen máscara nin distancia social
Por Natalia Puga |
-
Reforzan a vixilancia policial sobre o cumprimento das restricións pola covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
Galicia amence con novas restricións para frear o avance da covid-19
Por Alejandro Espiño |